ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello abre o prazo de suxestións para o proxecto de reforma da praza Maior do Barco

 

O Concello do Barco ten aberto desde hoxe o prazo para a presentación de suxestións para a elaboración dun proxecto definitivo para a remodelación da praza Maior e a súa contorna. Na parte inferior da propia Praza Maior están expostos dous paneis nos que se avanza a idea inicial elaborada polo departamento de Urbanismo do Concello. Toda a veciñanza pode consultar os paneis, e aportar aquelas cuestións que consideren oportunas respecto a esta idea.

A intención do Concello é “mellorar íntegramente a praza Maior, incluída a zona de Porto da Barca, cos tramos do paseo do Malecón e rúa Pérez Lista alí existentes. O Concello considera moi importante a opinión da veciñanza neste tema, e preténdese que o proxecto que finalmente se leve a cabo nesta zona sexa do agrado da meirande parte dos residentes no municipio e, especialmente, no casco vello do Barco”, tal e como se asegura dende esta administración local.

A veciñanza poderá presentar suxestións, opinións e propostas tanto por correo electrónico, como a través dos sistemas de participación cidadá establecidos na páxina web e na sede electrónica, e incluso de xeito presencial no rexistro do Concello. A exposición pública dos paneis, así como o prazo de suxestións, permanecerá aberto ata finais de maio. Despois desta data, e con todas as suxestións recibidas, o proxecto será estudado pola Comisión de Obras para a súa posterior redacción definitiva e a súa execución, no futuro, en varias fases.

Artigos relacionados

Back to top button