ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello da Pobra de Trives inicia os actos do 25-N cun taller de autocoñecemento e reflexión persoal

Enmarcado dentro das actividades programadas polo Concello da Pobra de Trives para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o luns 18 de novembro terá lugar un taller especial titulado “Coséndome a min mesma”, que se celebrará ás 11 horas nas instalacións do Concello.

O taller, dirixido a mulleres de todas as idades, ofrece un espazo íntimo de reflexión persoal e autocoidado. A través dunha actividade simbólica, cada participante terá a oportunidade de coser o seu propio retrato, unha metáfora visual que invita a “coser as nosas feridas” e reconstruír partes “rotas” de nós mesmas.

 

 

Mentres levan a cabo esta tarefa, serán propostas unha serie de preguntas reflexivas como: “Quen son eu cando non estou cumprindo as expectativas dos demais?”, “Que me ensinou a vida sobre o amor propio?” ou “Que mulleres me inspiran na miña vida?”, co obxectivo de fomentar o diálogo e a introspección.

Tal como avanznan dende o Concello, esta experiencia busca crear un ambiente de confianza onde as mulleres poidan expresarse, compartir as súas inquedanzas e fortalecerse mutuamente a través do autocoñecemento. Ademais, todas as obras realizadas no taller formarán parte dunha exposición especial que se inaugurará o 25 de novembro, día clave na loita contra a violencia de xénero.

“Para participar, é imprescindible realizar unha inscrición previa chamando ao teléfono 988 33 00 12, co fin de preparar todo o material necesario para a actividade”, aseguran.

Artigos relacionados

Back to top button