A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa aproba unha nova ordenanza sobre venda ambulante, feiras e mercadiños

No pleno de marzo tamén se aprobaba unha moción do BNG para solicitar á Xunta que asuma o 100% dos custes do Centro de Día e da Galiña Azul así como dos Servizos de Axuda ao Fogar

Feira do día 7 en Fontei.

 

O Concello da Rúa contará cunha nova ordenanza municipal sobre venda ambulante, mercadiños e feiras. Así se aprobaba cos 6 votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e RUA e as 5 abstencións do PP, no pleno ordinario celebrado na tarde do luns 4 de marzo.

Tal como explicou Luis Fernández Gudiña, do equipo de goberno, do que se trata é de “regular, esclarecer e unificar criterios en materia de venda ambulante de modo que poidan cumprir coa súa función de complementar o sistema de venda” e consta de catro títulos. O primeiro é de exposicións xerais entre as que figuran as autorizacións de produtos que poderán ser vendidos nas feiras; ou os requisitos das persoas que queiran insalarse. O título dous inclúe a regulación propiamente dita da instalación dos postos na feira tanto mensual como anual falando da localización e datas nas que se celebran as mesmas, así como o horario, características dos postos, etc. O Concello adxudicará un posto  fixo a cada feirante anualmente. “Os feirantes deberán solicitar a adxudicación a primeiros de ano pagando a taxa correspondente e perderán o dereito se faltan máis de tres meses sen xustificación”, dixo Luis.

 

Votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e RUA.

 

O título terceiro refírese aos mercadiños, nos que o Concello poderá colaborar e organizar de maneira periódica ou esporádica co obxectivo de aumentar o turismo como pode ser o de Nadal, mediante un Decreto de Alcaldía no que se especificarán condicionantes, horarios e demais. E xa o título cuarto céntrase nas infraccións que se poden dar neste tipo de actividades e o tipo de sancións que se poden aplicar.

Con respecto á ordenanza reguladora de taxas sobre esta actividade económica, o prezo establecido é de 1 euro por metro lineal, fracción e día no caso de que a renovación sexa anual. No caso de que a instalación do posto sexa puntual, a taxa será  de 3 euros por metro lineal e día. No caso dos postos de polbo abonan unha taxa anual de 110 euros. Se esta actividade se leva ademais da feira a outros puntos do concello nas fins de semana, a taxa ascende a 210 euros anuais.

 

Abstencións do PP.

 

O Partido Popular abstíñase, alegando que non contaran co grupo para a elaboración da ordenanza e que xa existía unha que era a que se estaba aplicando. A ese respecto o voceiro socialista respondía que esa ordenanza databa do ano 2000 con taxas en pesetas polo que consideraban necesario abordar unha actualización.

Nesta sesión plenaria tamén se aprobaban por unanimidade un plan de medidas antifraude, ferramenta municipal elaborada polos servizos técnic; así como unha moción do BNG para solicitar á Xunta de Galiza que asuma o 100% dos custes do Centro de Día e da Galiña Azul así cmo os de Servizos de Axuda ao Fogar que supoñen un elevado custo para o Concello da Rúa. “Son preto de 160.000 euros o que estamos gastando en competencias que non son propias”, en palabras da alcaldesa da Rúa.

 

Unanimidade para a moción do BNG.

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button