SanidadeÚltima hora

O Concello da Rúa, o Sergas e a Deputación asinan un acordo para construír un novo centro de saúde neste municipio

O Concello achegará a parcela necesaria onde se situará a nova infraestrutura sanitaria; a Deputación executará as infraestruturas de viarios, auga, saneamento electricidade e telefonía, e a Consellería de Sanidade levará cabo os trámites e as obras de construción do edificio

Publicidade
Exterior do actual Centro de Saúde da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Neste venres 31 de xaneiro vén de asinarse un protocolo de colaboración entre o Concello da Rúa, a Deputación de Ourense e a Consellería de Sanidade para a execución das obras de construción do novo centro de saúde no Concello da Rúa, tal e como se informa dende o organismo provincial. O acordo era rubricado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, no Pazo Provincial.

Segundo o acordo, o Concello da Rúa realizará os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames da parcela para a construción do centro coa cualificación urbanística axeitada ao Plan Funcional e de Espazos, mentres que a Deputación de Ourense executará as infraestruturas como o acceso rodado e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado e telefonía. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) levará a cabo os tramites necesarios e as obras de construción do novo centro de saúde, unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

 

 

O presidente do goberno provincial valora este acordo destacando que hoxe “é un día importante para A Rúa, porque se pon de manifesto o compromiso entre a Xunta, o Concello da Rúa e a Deputación de Ourense para facer realidade a construción do novo centro de saúde. O conselleiro de Sanidade afirmou que con este acordo “formalizamos este primeiro paso para, en meses, ter un centro de saúde a disposición dos veciños da Rúa”, e o alcalde rues agradeceu “a colaboración da Deputación de Ourense e da Consellería de Sanidade para levar a cabo este proxecto”.

 

Artigos relacionados

Back to top button