A RúaConcellosÚltima horaVídeos

O Concello da Rúa recoñece os éxitos deportivos dos clubs de fútbol, fútbol sala feminino e tenis

Os membros do CD Rúa, Rúa Valdeorras FSF e CT Rúa eran recibidos pola corporación municipal tralos respectivos ascensos de categoría

 

O deporte rues está de noraboa. Son moitos os clubs e deportistas que hai no concello da Rúa e varios os que conseguen bos resultados ao longo da campaña. É o caso do CD Rúa, do Rúa Valdeorras FSF e do CT Rúa, que na tempada 2022/2023 lograban o ascenso nas súas respectivas categorías. E todo despois dunha intensa e complicada tempada que no caso dos equipos de fútbol e fútbol sala remataban como campións de liga. Logros que na tarde deste mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, eran recoñecidos publicamente cunha recepción no Salón de Plenos do Concello.

 

 

Alí, os voceiros dos distintos partidos felicitaban a cada un dos clubs pola fantástica tempada. O primeiro en falar era o alcalde o popular Álvaro Fernández quen, diante das dúas Copas logradas polo CD Rúa (a de campión de liga 2021/2022 e 2022/2023), daba as grazas aos deportistas presentes polos logros dos que o Concello se sinte especialmente orgulloso. Tamén falaba o voceiro socialista Luis Fernández Gudiña e o independente José Vicente Solarat que facía un guiño especial aos membros do club de tenis.

 

 

Polo Bloque Nacionalista Galego, a portavoz María G. Albert tiña unhas palabras especiais para o equipo de fútbol sala feminino porque as mulleres sempre o teñen máis difícil neste tipo de deportes e teñen unha traxectoria menor que os outros dous equipos. Tamén do BNG falaba Avelino Fernández, fiel defensor do ciclismo, que asegurou botar en falta a Sergio Calvo, campión júnior da 4ª Challenge Volta a Girona. A ese respecto, o alcalde asegurou que tanto el como Javier Fernández, especialisa en descenso, terán a súa propia recepción.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button