
Nos próximos días o Concello da Rúa iniciará os traballos para a recuperación “dun espazo natural hoxe deteriorado e abandonado no que se situaba o arboretum iniciado polo polo propio Concello en colaboración co Distrito XIII da Consellaría do Medio Rural aló por 2016″.
A actuación, financiada a través dos fondos do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), prevé un investimento total de 48.000 euros e é, en palabras da alcaldesa María González Albert “un primeiro paso para reconducir un espazo que foi abandonado no último quinquenio”.
Desde o Concello estiman que esa zona, que hoxe carece de valor e que ademais está practicamente sen uso, “pode ser un lugar de esparcemento para toda a veciñanza da Rúa ademais dun foco de atractivo para toda a xente que nos visita”.
Así, revalorizarase o espazo retirando as especies invasoras, mellorando o acceso mediante o acondicionamento do camiño existente e a instalación de iluminación alimentada mediante enerxías renovables, coa colocación de carteis explicativos e xogos interactivos que proporcionen aos visitantes información relevante sobre as especies animais e vexetais presentes na contorna así como un xogo interactivo no que a cativada poderá asociar entre animais e vexetais da zona coa súa alimentación e hábitat naturais.
Con estas actuacións pretenden “por unha banda axudar a paliar os efectos do cambio climático mediante a plantación de especies arbóreas que eviten o deterioro do hábitat natural e axuden a disminuír a temperatura desta área nos meses máis cálidos” e, pola outra, “axudar a potenciar o turismo na zona mediante a creación dun entorno agradable que fomente o achegamento dos visitantes á contorna do encoro da Rúa”.



