
A Xunta acaba de conceder a Bandeira Verde de Galicia a un total de 24 concellos das catro provincias en recoñecemento ao seu compromiso medioambiental e ás boas prácticas desenvolvidas no eido do coidado da paisaxe e da súa contorna entre os que están os ourensáns de Larouco, Vilariño de Conso e Parada de Sil.
Acompañada do alcalde da Laracha, José Manuel López, da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participaba no acto de entrega dos distintivos celebrado na mañá deste venres 18 de outubro en Caión, no concello coruñés de Laracha.
Tras salientar que o Goberno galego impulsou en 2020 este distintivo para poñer en valor o traballo que están a realizar moitos concellos e animalos a seguir por ese camiño, a conselleira amosouse satisfeita pola acollida desta última convocatoria, no marco da cal o Instituto de Estudos do Territorio (IET) recibiu 34 solicitudes.

Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, dos cales once lucirán o galardón por primeira vez, como é o caso de Larouco e Vilariño de Conso. Entre os que repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores figuran Parada de Sil e Sober, entre outros.
A conselleira felicitou a todos os concellos distinguidos este ano e salientou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios “responsables e comprometidos” co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
No caso do Concello de Larouco, recollía o galardón a concelleira Delfina Feijoo.



