OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense di que “non hai ningunha nova restrición á circulación de vehículos na cidade nin a haberá a curto prazo”

O goberno municipal traballa na creación dunha zona de baixas emisións, nos termos definidos polo goberno central, que estará operativa en 2024

Fachada principal do Concello de Ourense.

 

O Concello de Ourense vén de informar de que traballa na creación dunha zona de baixas emisións na cidade, no marco definido polo Real Decreto 1055/22 que regula os requisitos que deben cumprir este tipo de zonas, aprobado polo goberno de España a semana pasada (en vigor desde o 29 de decembro de 2022). Porén, será un proceso longo que, con toda probabilidade, se estenderá durante máis dun ano antes de que chegue a estar plenamente operativo. O proceso ten dous elementos clave, nos que xa traballa o goberno municipal. Por unha banda, a elaboración dunha normativa municipal reguladora desta zona de baixas emisións. Por outra, a adquisición e a posta en funcionamento de toda a infraestrutura técnica necesaria para poñela en marcha.

O goberno municipal ultima un documento base para a nova ordenanza reguladora das zonas de baixas emisións, ao que vai incorporar as novidades introducidas polo goberno de España no seu decreto aprobado a semana pasada, que fixa os requisitos mínimos que deberán satisfacer as ZBE que establezan as entidades locais.

O documento, unha vez completada a súa redacción, será sometido a información pública, para dar a oportunidade a todas as persoas e colectivos que teñan interese para que realicen as súas achegas, propostas ou suxestións. Estas serán avaliadas polo Concello con vistas á elaboración dun proxecto de ordenanza, que se presentará a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local e posteriormente ante o Pleno do Concello para a súa aprobación inicial. Posteriormente, exporase ao público e se abrirá un novo prazo de participación pública e presentación de alegacións. Unha vez resoltas estas, o documento presentarase a aprobación definitiva por parte do Pleno do Concello.

O estudio elaborado polo Concello propón definir como zona de baixas emisións a que se atopa no interior da améndoa comprendida entre as rúas Progreso, Galicia, Pena Trevinca, Pardo Bazán e Avenida da Habana (sen incluír estas 5 rúas).

Por outra parte, a zona de baixas emisións requirirá a adquisición, instalación e posta en servizo dunha importante e custosa dotación de infraestrutura técnica. O Concello conta para este fin cun estudio básico de zona de baixas emisións, co que concorreu á convocatoria de subvencións realizada polo Ministerio de Transportes para a implantación destas ZBE; unha convocatoria que está aínda pendente de resolver.

O próximo paso será contratar a redacción do proxecto técnico da zona de baixas emisións de Ourense, no que se concretará a totalidade da infraestrutura que será necesario adquirir: control de acceso con cámaras dotado con lectura de matrículas, sistemas de medición de calidade do aire e do ruído, sinalización, así como o equipamento hardware e software para procesar e xestionar toda esta información desde o centro de control de tráfico da Policía Local.

Unha vez licitado, adxudicado e redactado este proxecto, o Concello deberá licitar, adxudicar e contratar a adquisición e instalación da totalidade dos equipos que sexan necesarios.

Desenvolvemento progresivo

A aprobación da normativa e a posta en funcionamento da infraestrutura serán, polo tanto, dous procesos que se irán desenvolvendo progresivamente durante os próximos meses, en sucesivas etapas polo que a implantación da zona de baixas emisións con toda probabilidade non se producirá este ano. Ourense non será excepción, xa que isto mesmo ocorrerá en numerosas cidades españolas, dada a complexidade da implantación de medidas como as esixidas na nova normativa. De feito, a propia Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) solicitou unha moratoria ao goberno de España para a posta en marcha das zonas de baixas emisións, recollendo unha demanda do municipalismo español.

Non hai novas restricións a día de hoxe

Ante as dúbidas que o novo marco legal poida xerar entre a cidadanía, o goberno municipal quere subliñar que non hai na actualidade, nin haberá a curto prazo, ningunha nova restrición á circulación de vehículos á cidade de Ourense. Segue plenamente en vigor a ordenanza de circulación vixente, sen ningún cambio. Non está en funcionamento ningunha zona de baixas emisións, e non hai obriga de utilizar distintivo ambiental para circular polas rúas da cidade.

Artigos relacionados

Back to top button