OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense propón obradoiros para observar aves desde a casa durante o confinamento

O espazo web de Educación contén unha multitude de propostas de formación educativa complementaria e gratuíta de diferentes institucións

Verderolo común./ Foto: A.R.

 

Co fin de que a cativada poida pasar un rato entretido á vez que instrutivo durante o estado de alarma decretado pola pandemia do Covid-19, dende a Concellería de Educación do Concello de Ourense propoñen unha serie de ferramentas en liña. Unha delas é o observatorio de aves proposto pola Aula da Natureza, que anima a coñecer a fauna que convive nas cidades, e cuxo canto e vooss se poden apreciar especialmente estes días.

A actividade consiste en pasar cada día uns minutos divertidos “espiando” aos veciños alados para aprender un pouco máis sobre eles. “Pódeselle dedicar tanto tempo como se queira, aínda que o ideal é un mínimo de 15 minutos diarios para sacarlle proveito ao aprendido”, aseguran dende Cultura. Só é preciso un caderno de notas e bolígrafo ou lapis.

O resto é asomarse á fiestra, pórse cómodo e, armado de paciencia e atención, dirixir a ollada aos tellados, ás árbores, aos postes e cables da luz, ao ceo, etc. “Cando vexas un paxaro dedica uns minutos a observar as súas cores, a forma do seu pico, os seus movementos, o seu canto… e anota no caderno todo o que chame a túa atención”, recomenda a actividade.

Ademais da observación de aves a Concellería propón concursos de relatos e debuxos, así como unha multitude de ferramentas educativas gratuítas en liña: visitas a museos, material didáctico en inglés, actividades musicais, obradoiros, etc. de diferentes institucións educativas do país. Toda a información, no seguinte enlace: Concellería de Educación.

Artigos relacionados

Back to top button