ConcellosÚltima hora

O Concello de Parada de Sil cancela tres actividades culturais previstas para o mes de maio

Ante a incerteza provocada pola pandemia do coronavirus decidiu suspender dúas actuacións e a celebración das Letras Galegas

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dada a situación actual de incerteza provocada pola emerxencia sanitaria do COVID-19 dende o Concello de Parada de Sil decidiuse cancelar tres actividades que estaban previstas para o mes de maio, na antesala do verán. Así o vén de anunciar o seu alcalde, Aquilino Domínguez.

“En maio arrancarían as actividades con tres eventos. O primeiro tería lugar o día nove maio cuna actuación da orquesta xoven do Conservatorio de Ourense no Mosteiro de Sta. Cristina. Logo o día 16 celebraríamos as Letras Galegas cun acto na Casa do Concello, coa homenaxe este ano a Coral Aqua Música, pola súa vinculación con Parada de Sil e a súa difusión do galego en forma de música e a entrega dos premios do concurso de microrrelatos. É un acto no que soen participar máis de 120 veciños e veciñas e que remata cuns petiscos. Por último, o Concello ía ofrecer a actuación do Coro NUR de Madrid no Mosteiro de Sta. Cristina para toda a provincia coa súa primeira actuación en Ourense o día 23 de maio”, comenta o rexedor de Parada de Sil.

O Concello acordaba suspender definitivamnte a actuación do Conservatorio, tras falar cos seus membros, “agardando facela máis potente o vindeiro ano e retrasar sine die os outros dous eventos”.

Aquilino Domínguez lanza ademais “unha mensaxe de ánimo e agradece á veciñanza o seu comportamento, así como aos Voluntarios de Protección Civil que todos os días están a levar medicinas e compra a quen o solicita, ademais de facer tarefas e desinfección día sí e día non”.

Artigos relacionados

Back to top button