
Este domingo 7 de decembro, ás 18:00 horas, terá lugar no salón de actos do Concello de Ribas de Sil a homenaxe a Javier Rodríguez Sotuela, coñecido como o cura de Matarrosa, que “durante a ditadura defendeu con valentía os valores da democracia en diferentes parroquias da diocese de Astorga. Hoxe, secularizado e con 92 anos, reparte os meses entre Barcelona, coa súa familia (Isolina, a súa muller, Javier, o seu fillo, e a súa neta Sira), e o seu lugar de nacemento, San Pedro, a un quilómetro de San Clodio”, tal e como explica o Concello.
O domingo presentarase a película Camino Negro, baseada na novela do mesmo nome, onde a personaxe de Javier xoga un papel protagonista e aparece referida na carátula e no cartel do filme. Logo de visualizar a película, Javier compartirá cos veciños e veciñas algunhas das súas historias en momentos difíciles, aínda á espera da transición democrática. Recibirá, ao finalizar, un recoñecemento do Concello de Ribas de Sil.
Acompañarán a Javier Rodríguez na homenaxe a autora da novela Camino Negro, María Luisa Picado, o director da película, Luisje Moyano, e os alcaldes de Ribas de Sil, Roberto Castro, e de Toreno , concello ao que pertence Matarrosa), Vicente Mirón.

Un percorrido de vida que se inicia en San Pedro (Ribas de Sil)
Javier Rodríguez Sotuela naceu o 17 de outubro de 1933, na mesma casa de San Pedro onde actualmente pasa algúns meses ao ano cunha envidiable autonomía. Os seus pais vivían en Ponferrada, xa que o pai traballaba na estación de tren. Pero o costume era que as mulleres fosen dar a luz ao seu pobo e así foi, como tamén o bautismo, na igrexa de San Clodio. En Ponferrada pasou os primeiros anos da vida, con visitas frecuentes a San Clodio.
Matarrosa del Sil
Os anos de Matarrosa, como párroco desde 1961, foron centrais na súa vida e aparecen reflectidos no filme que se proxecta este domingo. Anos de loita e defensa dos valores de liberdade, xustiza e cultura democrática, que están presentes no Evanxeo pero ausentes naqueles tempos. Foi catalizador de mobilizacións que despuntaron nas concas tras a folga de 1962 en pleno franquismo. Foi avisado moitas veces de captura inmediata por desafiar ao réxime cos valores ditos. Sempre contou cunha defensa férrea dos fregueses que o arroupaban e protexían. O obispado tamén o respectaba.
O Concello de Toreno concedeu a súa máxima distinción, a “Picota de Prata”, a Javier Rodríguez. Esta semana tócalle ao seu concello natal, Ribas de Sil.

Camino Negro
A película, distribuída por CityBlue Films —que colabora na homenaxe— e que veremos o domingo en San Clodio, está baseada na novela de temática mineira de María Luisa Picado. A trama céntrase na vida dos traballadores das minas leonesas e nas súas loitas persoais e laborais. Recrea como era a vida nos anos sesenta e setenta en concas marcadas polo boom do carbón e aborda as dificultades e desafíos aos que se enfrontan os mineiros no seu día a día, destacando temas de resistencia e solidariedade. O noso veciño, Javier Rodríguez Sotuela, é un dos protagonistas da historia.
A música
Javier aínda pasa horas tocando a guitarra. Unha das súas paixóns é a música, como cantautor cos cantos da mina, onde o Evanxeo tamén xoga un papel central. “Y por eso lo mataron”, “Ya vienen los segadores” son cancións destacadas da súa obra. Amancio Prada, co que mantén contacto periódico, axudou a Javier a preparar o seu primeiro recital en Valladolid. Coñecéronse formando parte dun grupo de cantautores bercianos. Xa teñen cantado xuntos.
Nas cancións Rodríguez Sotuela procura, mediado pola música, o Reino de Deus e a xustiza, e dar un rostro máis humano de Xesús de Nazaret.
O debuxo
Outra das súas paixóns é o debuxo, chegando a ser docente de artes plásticas no seminario. Fixo caricatura e plumilla. Poucos recunchos de San Clodio e San Pedro quedaron sen plasmar na obra de Javier, que desexa doar ao Concello de Ribas de Sil. Na entrada da Casa do Concello están varias das súas obras e algunhas son utilizadas con frecuencia pola área de cultura para difundir determinadas accións.
Na actualidade a vista non lle permite debuxar, pero si revisar con cariño cada recanto que plasmou, algúns inalterados como a ponte vella, e outros xa modificados. Indícanos que cada obra lle levaba ata 15 horas de traballo.
Un crego que cre e vive o Evanxeo
Con 13 anos comezou a ler en profundidade o Evanxeo e de aí naceu a súa vocación por ser sacerdote. Crítico desde o inicio, inquedábase pola enorme contradición entre o que o Evanxeo dicía e o que vivía a sociedade e a propia Igrexa.
Quería ser dominico e dedicarse a ser misioneiro, pero ao final, co apoio de don Paciano, crego de San Clodio, entrou no seminario diocesano de Astorga con 15 anos. Foi ordenado crego en Astorga polo bispo José Castelltort Soubeyre. Cantou a súa primeira misa na igrexa de San Clodio o 22 de xuño de 1958.
Aínda que se referían a el como o “cura vermello”, el prefire indicar que simplemente facía o que tiña que facer: vivir e ensinar a vivir en consonancia co que di o Evanxeo de Cristo.
Foi coadxutor en Dragonte (Corullón) para iniciar a súa vida pastoral. As febres de Malta levárono a Fabero, tamén como coadxutor; de aí pasou ao Barco de Valdeorras e, finalmente, chegou como párroco a Matarrosa del Sil. Foi secularizado polo Papa Paulo VI en 1974.