
A sesión ordinaria desta semana da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobaba un total de 116.000 euros en axudas para sufragar obras en diferentes municipios. Así, o Concello de Rubiá recibirá unha achega de 20.000 euros para a reparación do camiño en Quereño; e o de Baltar percibirá 48.000 euros para a execución da obra de mantemento das súas rutas de sendeirismo. No que respecta ao Concello de Castrelo de Miño, aprobáronse 48.000 euros para a mellora do abastecemento en Troncoso co sobrante do depósito da Cancela.
Na mesma sesión da xunta de goberno da Deputación tamén foi aprobada a expropiación forzosa das obras de execución de tramo de sumidoiros en Bagarelas (O Carballiño), así como o seu proxecto técnico e a necesidade de ocupación, que será notificada aos interesados.
