Dende o Concello de San Xoán de Río vén de anunciarse a través dun comunicado a súa intención de abandonar a Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, entidade da que forma parte dende 1993, ano no que foi constituída polos concellos de San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e Manzaneda.
“As vicisitudes políticas sufridas por este ente que naceu para aunar esforzos e para lograr un obxectivo común en beneficio dos concellos mancomunados, veñen contribuíndo á súa desintegración e descomposición, obviándose e esquecéndose os fins constitutivos”, indica o rexedor de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.
Ademais o alcalde apunta que, “demos un tempo, neste período 2019-2023 ata xaneiro de 2021, para ver se algo mudaba, pero non ofrece perspectivas do cambio necesario para beneficio particular do Concello de San Xoán de Río e xeral dos Concellos mancomunados. A prestación de servizos é absolutamente residual e a exclusión de San Xoán de Río da gobernanza da Mancomunidade, non permite inferir que dende esta entidade se vai facer unha nova política de xestión ordenada de novos servizos que permitan manter o cumprimento dos fins estatutarios”.
Neste senso, o alcalde de Río asegura que “dende o goberno municipal consideramos chegado o momento de revisar a vixencia da Mancomunidade dado que xa non se cumpre ningún dos obxetivos que motivaron a súa constitución”.
Estaba previsto que onte, 2 de febreiro, tivese lugar un pleno da Corporación de San Xoán de Río no que se ía aprobar o acordo para abandonar a Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, “como decidimos en reunión o pasado mes de xaneiro os concelleiros de PSOE, PP e RÍO (independentes). Lamentablemente, as medidas tomadas ante o COVID-19, obrigáronnos a retrasar este pleno que se realizará unha vez que se levanten as restricións”, matiza Xosé Miguel Pérez.
Así, no acordo que se levará ao pleno figura,”abandonar a Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei nos termos e condicións establecidas polos Estatutos” e conforme á lexislación, ademais de “instar á disolución da Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, axustándose o procedemento ao establecido polos propios Estatutos e polo Artigo 143 da Lei 5/1997 de 22 de Xullo de Administración Local de Galicia”, e “dar conta do presente acordo á Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei, aos efectos de inicio do cómputo do prazo dun ano, e para que se efectúen os trámites precisos para o cumprimento do acordado polo Concello de San Xoán de Río”.