En torno a tres eixos xira a festa de agosto en San Xoán de Río: un xantar, unha feira e unha homenaxe.
O primeiro e pode que máis destacado da xornada, é a homenaxe que dende o Concello lle facían na mañá deste venres 9 de agosto a José Rodríguez Rodríguez. “É cónsul honorario de Filipinas en Ourense natural de San Xoán de Río e merece un recoñecemento oficial”, asegura o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua.
Xornalista e escritor que leva máis de 50 anos no sudeste asiático, José Rodríguez compaxina esta profesión cos eidos da cultura, a diplomacia e a empresa. É editor-asociado e director do consello de administración da revista People Asia, así como membro do consello de administración do periódico Manila Standard. Foi director da Real Academia de la Lengua Española en Filipinas de 1994 a 2003 e exdirector do Instituto Cervantes de Manila.
No acto celebrado esta mañá no Salón de Plenos do Concello, ao que a cudían entre outros o doutor Julio Ancochea de Trives e o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices, recibía a placa da I Homenaxe á Emigración de mans do alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua. Tamén proxectaban un vídeo sobre a súa traxdectoria.
Despois asistían á inauguración da I Feira de Arraigo na Terra, con produtos dos concellos do oriente ourensán: A Veiga, A Teixeira, Larouco, O Bolo, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
E xa a partir das 14:30 horas tiña lugar no pavillón municipal a II Festa da Tenreira de Río, cun menú a base de empanada, langostinos cocidos, tenreira asada con patacas, bica, viño, auga, café e licores de sobremesa (25€ os adultos e 15 os menores de 12 anos). Tamén haberá actuacións musicais con charanga e orquestra.
Fotos e vídeo cedidos.
Máis información e fotos: