ConcellosÚltima hora

O Concello de Trives activará un Plan municipal contra a soidade

Incluirá dúas liñas telefónicas, unha para o servizo a domicilio de bens de primeira necesidade e outra de emerxencias

Inicio do comunicado do Concello de Trives sobre o Plan municipal contra a soidade.

 

A partir do martes 17 de marzo o Concello da Pobra de Trives ten previsto habilitar un Plan municipal contra a soidade. No seu marco poranse ao dispor dos veciños dúas liñas telefónicas. Unha delas (696 252 517) será para un servizo a domicilio de bens de primeira necesidade.

“A través deste servizo as persoas maiores ou en situación de risco poderán poñerse en contacto para encargar que lles sexa entregada a súa compra a domicilio, tanto de alimentos como de produtos farmacéuticos ou outros produtos de primeira necesidade”, segundo a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, quen contará para levar a cabo este servizo co apoio do persoal de Protección Civil, a quen agradece a súa colaboración. Desta maneira búscase que a veciñanza permaneza nas súas casas “evitando así contaxios do coronavirus”.

En segundo lugar o plan conta cunha liña de teléfono de emerxencias (670 471 520) para “dar cobertura a aquelas emerxencias que requiran de resposta urxente ou ben, no caso de que ante o colapso das liñas telefónicas facilitadas dende os servizos sanitarios non se poida contactar con eles, nós tentaremos, na medida do posible, de axudar a unha mellor xestión dentro do noso Concello. Dende o Concello tamén se prega “facer un uso responsable de ambas liñas de teléfono xa que logo atenden a unha situación excepcional”.

Finalmente, o plan prevé que os servizos psicoloxía e traballadores sociais (do CIM e de Servizos Sociais) “de xeito diario contacten con aquelas persoas máis vulnerables e que se atopan en soidade sen apoio familiar físico”, tal e como indica a alcaldesa.

 

Artigos relacionados

Back to top button