ConcellosTrivesÚltima hora

O Concello de Trives porá en marcha un servizo de préstamo de bicicletas

Oficina de Turismo e exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello da Pobra de Trives vén de anunciar que porá en marcha un servicio de préstamo de bicicletas eléctricas, favorecendo deste xeito a mobilidade sostible. “A intención é que poidan ser empregadas polos veciños e veciñas para os seus desprazamentos e tamén polos visitantes que queiran coñecer as súas impresionantes paisaxes”, explican dende o grupo de goberno trivés.

Para levar a cabo o proxecto, a Xunta de Galicia aportará 9.915 euros e o Concello da Pobra de Trives un total de 4.470 euros. Trátase dunha subvención en concorrencia competitiva, “polo que o que determina a concesión é a calidade do proxecto presentado”, segundo o Concello de Trives.

Tal e como se detalla na memoria do proxecto, as bicicletas instalaranse no ximnasio de Santa Leonor, no mesmo edificio da Oficina de Turismo do Concello, onde poderán ser solicitadas polos usuarios e usuarias. Deberán ser devoltas neste mesmo punto.

“Esta iniciativa permitirá levar a cabo un plan de mobilidade sostible no concello, ao mesmo tempo que se ofrece á cidadanía a posibilidade de practicar deporte e coñecer o entorno. Optarase así pola adquisición de bicis que gocen de gran autonomía e que permitan facer percorridos por todo o municipio dun xeito respectuoso co medio ambiente. Trátase de involucrar a poboación de diferentes idades”, destacan dende o grupo de goberno trivés, que engade que, “coa adquisición deste material deportivo favorécese que as persoas de maior idade dispoñan de bicicletas eléctricas que lles permitirán o disfrute do medio ambiente dun xeito saudable e a mellora das súas condicións físicas. Cómpre destacar que as bicicletas serán aptas para uso por homes e mulleres, eliminando a brecha de xénero”.

Igualmente, as bicicletas poderán ser empregadas pola mocidade en idade escolar, permitindo a interacción entre eles ou en familia.

Artigos relacionados

Back to top button