ConcellosÚltima hora

O Concello de Trives solicita a súa inclusión na Rede de Dinamización Lingüística

Exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

O grupo de goberno municipal de Trives vén de manter recentemente un encontro co secretario xeral de Política Lingüística para solicitar a inclusión deste Concello na Rede de Dinamización Linguística; “unha adhesión que non supón gasto algún para o Concello e que comporta a consecución de actividades e programas culturais, educativos, formativos ou lúdicos destinados a promover o emprego da lingua galega”, segundo a súa alcaldesa, a socialista Patricia Domínguez.

Ademais dende o Concello enténdese que esta medida “contribúe de xeito incuestionable a poñer en valor a lingua galega e dinamizala a través de diversas actividades, tomando conciencia do tesouro cultural que supón, xa que logo, a lingua é un dos sinais de identidade e cultura fundamentais do noso pobo”.

O financiamento das actividades da Rede está garantida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo que non suporá ningún custe para o Concello, “máis aportará e comportará ademais da posta en valor e compromiso coa nosa lingua, o acceso a multitude de actividades culturais, educativas, formativas e lúdicas de gran calidade; o que tamén supón un aforro para o Concello”, segundo o grupo de goberno socialista.

A rede de dinamización lingüística (creada o 21 de setembro do 2010) é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local, vinculada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Linguística, segundo informa o Concello de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button