En portadaÚltima hora

O Concello de Viana inicia a recollida de plásticos de uso gandeiro para a súa reciclaxe

Este novo servizo ten un carácter "voluntario e gratuíto" e é "fundamental para a conservación do noso entorno", sinala a edil vianesa de Medio Ambiente

Rolos de herba./ Foto cedida.

 

Neste mes de marzo o Concello de Viana do Bolo vén de poñer en marcha un plan de “Recollida de plásticos de uso gandeiro para a súa reciclaxe”. Trátase dun novo servizo de carácter gratuíto, que aposta pola reciclaxe e polo medio ambiente e que vai dixirido ao sector gandeiro.

“Dende o grupo de goberno de Viana, e concretamente dende a Concellería de Medio Ambiente, temos moi claras unha serie de iniciativas que imos levar a cabo ao longo deste período e unha delas é esta recollida. É inaceptable que nunha zona como Viana do Bolo, cunha cabana gandeira tan ampla e tan elevada, esta iniciativa non fose posta xa en marcha con anterioridade, tendo en conta a problemática actual de ditos residuos. Dende o Concello queremos evitar que os plásticos queden na natureza, protexer o medio ambiente e facilitar unha correcta xestión destes residuos, ademais de ir implantando unha cultura da reciclaxe”, sinala a concelleira de Medio Ambiente de Viana, Carmen Conde.

Deste xeito vén de implantarse un servizo municipal de recollida dos plásticos con certa periodicidade e nun lugar puntual de cada aldea. Trátase dun servizo voluntario, gratuíto e “fundamental para a conservación do noso entorno”, apunta Carmen Conde.

 

A concelleira de Medio Ambiente de Viana, Carmen Conde./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais esta concelleira vianesa incide en que o “obxectivo primordial é Viana en Verde, e queremos conciliar as actividades produtivas da nosa comarca e a protección do medio que nos rodea. Hai que implantar unha cultura de reciclaxe e así contribuír e aportar o noso gran de area cara un desenvolvemento sosible. Vivimos nunha zona privilexiada e queremos que así siga sendo”, destaca Carmen Conde.

Artigos relacionados

Back to top button