ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco ampliará a escola infantil municipal

A actuación suporá un investimento de 500.000 euros e deberá estar rematada antes de decembro de 2020

 

Exterior da escola infantil municipal do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, vén de asinar nesta mañá de 2 de novembro coa empresa Construcións Ropán, S.L., o contrato para a realización das obras de ampliación da Escola Infantil Municipal, adxudicadas en algo máis de 500.000 euros.

Esta actuación permitirá incrementar o número de aulas dispoñibles na gardería, na que se contará, unha vez rematada, con 5 aulas, en vez das 3 actualmente existentes, e disporá de preto de 70 prazas. Na primeira fase dos traballos (que durará uns seis meses) procederase á demolición da antiga cárcere (será nese espazo onde se faga a ampliación) e construirase a nova aula de bebés.

Tamén se cambiará a entrada da Escola Infantil, á que no futuro se accederá pola rúa Hernán Cortés. As obras contemplan ademais a instalación dun ascensor, para a eliminación de barreiras arquitectónicas no interior do edificio.

Do total do investimento para este proxecto, 150.000 euros serán achegados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, co que o Concello alcanzou un acordo para a sinatura dun convenio de financiamento das obras. Servizos Sociais aportaba 47.000 euros no ano 2017, e o resto, ata os 150.000 euros de aportación da Xunta, en dous anualidades máis, segundo informa o Concello do Barco.

As obras de ampliación que agora se van levar a cabo comezarán nun prazo de aproximadamente un mes, e terán que estar terminadas, como máximo, o 30 de novembro de 2020, polo que o gasto do proxecto dividirase en tres anualidades.

Artigos relacionados

Back to top button