A praia fluvial do Malecón e o Xardín Botánico son os dous novos espazos do Barco de Valdeorras nos que non se debe fumar e vapear, e nun deles tiña lugar na mañá deste xoves 4 de xuño a presentación do convenio de colaboración por parte do presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez-Saa; do alcalde do Barco, Aurentino Alonso; e do concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra grazas ao cal o concello se sumou ao proxecto “Espazos sen fume e aerosois”, unha iniciativa destinada a promover contornas máis saudables e libres de consumo de tabaco e dispositivos relacionados, sendo este dous enclaves, moi frecuentados pola cidadanía, especialmente por familias e persoas mozas, pasan a formar parte da rede de espazos protexidos, co obxectivo de reducir a exposición ao fume e fomentar hábitos de vida saudable.

Rodríguez Saa agradeceu a boa disposición por parte do Concello barquense con cada proposta da asociación especialmente en materias de prevención. “É importante que os concellos estén concienciados e o do Barco é un deses que sempre está para todo”, dixo recoñecendo que é clave para chegar a todos sen distinción. “Non pode ser que nalgúns casos pese máis o código postal que o código xenético á hora de poder loitar contra a enfermidade”.
Asegura que na loita contra o cancro, a prevención é fundamental e moi especialmente a antitabática. “Temos claro que o tabaco é a causante do 30% de todos os cacros polo que temos que comezar por iniciativas como esta, coa que se prescribe o feito de que O Barco decidiu que este sexa un espazo libre de fume polo que a xente intente evitar fumar aquí, dixo, recoñecendo o labor de todos os voluntarios e voluntarias, como Gloria Pérez, a delegada da AECC en Valdeorras presente tamén no acto; e asegurando que seguirán loitando polo reto de lograr no 2030 a primeira xeración libre de tabaco.

O concelleiro de Asuntos Sociais, Orlando Saavedra pola súa banda, aproveitou a ocasión para lembrar datos escalofriantes que saían a relucir con motivo do Día Mundial sen Tabaco (31 de maio). “8 millóns de mortes anuais por tabaquismo das cales aproximadamente 1,2 millóns son non fumadores expostos ao fume de segunda man”, dixo, asegurando que o Concello do Barco está adherido dende hai anos á loita por espazos libres sen tabaco “praia sen fume e parques sen fume”, asinando este convenio coa AECC “para dar visibilidade a esta loita e para reforzar o compromiso coas políticas de Saúde Pública a través da campaña “Non Fume, Non Vapeo”, destacando que vapear é igual de perxudicial ou quizais peor.
O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, como docente que foi, puxo o acento no aumento de mulleres fumadoras nos últimos anos. “Antes case non se vían mulleres fumando e agora case son maioría”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.