ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco establece novos modelos de terrazas da hostalería adaptados á situación sanitaria actual

Durante os próximos días, os titulares de bares e restaurantes con terraza recibirán indicacións concretas para os seus establecementos, así como unha carta explicativa dos novos modelos

Mesas e cadeiras recollidas nunha das zonas de terrazas do Barco./ Foto: A.R.

 

Tras un estudo elaborado pola Policía Local e de diferentes reunións da Comisión munipal de Obras, o Concello do Barco vén de elaborar un novo modelo para as terrazas de establecementos hostaleiros, que se considera “favorecerá unha maior actividade económica, sen prexudicar a saúde pública”, tal e como informa esta administración local.

Deste xeito, durante os próximos días, os titulares de bares e restaurantes con terraza recibirán indicacións concretas para os seus establecementos, así como unha carta explicativa dos novos modelos.

Os criterios de distribución de mesas en terrazas teñen como obxectivo principal o de cumprir coas normas sanitarias, perotendo en conta tamén outras cuestións, como “a solidariedade e a xenerosidade”, asegura o Concello. “Por iso, como norma xeral estableceuse unha modificación progresiva en dous tramos, cun aumento de mesas para todos os casos, segundo o número que tiña concedidas cada establecemento no ano 2019”.

Como norma xeral os criterios serán:
-Establecementos de 7 mesas ou menos, poderán aumentar ata unha mesa máis.
-Establecementos de 8 mesas ou máis, poderán aumentar ata dúas mesas máis.

Como norma xeral, todos os establecementos poderán ter ata catro mesas, incluídos aqueles que non tiñan concesión no ano 2019 e que xa dispoñen de terraza provisional. Este criterio xeral está condicionado á posibilidade real de que o espazo permita aumentar as mesas. “É necesario respectar os 1,5 mts de distancia interpersonal, así como os vados permanentes, mobiliario urbano, escaparates, beirarrúas, zonas de carga edescarga, limitacións de espazos entre bares colindantes, etc. Por iso algúns establecementos non poderán aumentar ningunha mesa”, segundo indica o Concello do Barco.

Tamén se matiza dende o Concello que “estas medidas son provisionais e temporais, produto da situación excepcional que se vive, non xeran dereitos nin precedente e serán de aplicación, en principio, ata o 31 de decembro de 2021. A cidadanía do Barco tivo que sacrificar, e continuará a facelo, unha cantidade notable de espazo público e prazas de aparcamento, debido á excepcionalidade da situación que se vive, en beneficio do importante sector económico hostaleiro”.

Na carta que se remite aos hostaleiros o Concello do Barco sinala que “cremos que os bares, cafeterías e restaurantes non son culpables da situación sanitaria, e o sector hostaleiro sempre foi modelo de cumprimento de ordenanzas, horarios e espazos durante todos os anos pasados e, nesta situación excepcional, debemos ser máis rigorosos ca nunha na vixiancia e no respecto á normas, para evitar situacións de descontrol”. “Por iso”, continúa a carta, “faise necesario o cumprimento rigoroso das directrices establecidas para cada establecemento, e lémbrase que o incumprimento das medidas de espazo ocupado e número de mesas son motivo de falta leve e graves, poden ser sancionados, e incluso poden levar á perda da concesión da licenza”.

Artigos relacionados

Back to top button