ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco instalará a comezos de ano o colector marrón para os residuos orgánicos

 

Dende xaneiro de 2024 as rúas do Barco de Valdeorras contarán co 5º colector (marrón) para residuos orgánicos. Así o adiantaba na mañá deste martes 12 de decembro o alcalde do Barco, Alfredo García, na presentación da campaña publicitaria “Ti tes a chave” coa que o Concello buscará xente interesada en utilizar este colector e facer compostaxe.

Acompañado pola concelleira de abastecemento, saneamento, limpeza e recollida de lixo, Alicia Álvarez, o alcalde do Barco explicou que se trata dun colector ao que só se botarán restos vexetais e de comida. “É algo que moi pronto será obrigatorio e nesta zona tiñamos o problema de onde depositar estes restos, porque non é doado. Finalmente Sogama habilitou un colector na planta de trasferencia da Rúa para este fin e como é lóxico dende o Concello pagaremos polo tratamento deste restos”, dixo, adiantando que tralas vacacións de Nadal, a comezos de 2024 comezarán a instalar os contedores.

“Necesitamos saber o grao de implicación dos veciños, porque será algo voluntario para eles polo que comezaremos coa instalación de 30 contedores marróns nas zonas máis poboadas”, di o rexedor, explicando que se trata de colectores máis pequenos, de 300 litros, e estarán pechados “polo que quen queira participar neste proxecto de compostaxe, deberá ter unha chave que daremos dende o Concello, en principio pedimos 2.000”.

 

 

Para dar a coñecer a iniciativa dende o Concello farán unha campaña publicitaria para a vindeira semana, porque do que se trata é de “concienciar á xente”. O primeiro acto será o reparto de folletos explicativos así como un cubo para casa e un paquete de bolsas reciclables, ademais de informar do que hai que facer, algo tan sinxelo como botar na bolsa os restos vexetais e de comida, pechala e metela no contedor marrón. Unha campaña que tamén farán extensible aos restaurantes e grandes produtores de residuos como o hospital ou a redidencia de anciáns.

O obxectivo desta iniciativa non é outro que “reciclar e concienciar á poboación de que hai que producir menos liixo”, dixo o alcalde, destacando que estes residuos recolleranse dúas veces por semana e segundo o resultado e a demanda de chaves, irán aumentando o número de colectores marróns, algo que non suporá un custo maior para a poboación. “Non imos subir a taxa do lixo por esta iniciativa”, sentenciou Alfredo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button