ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco pedirá ás entidades bancarias que reforcen recursos para dar un servizo adecuado

O pleno aprobaba unha moción de Riada Cidadá relativa a esta cuestión e outra do BNG para que o Concello que o Concello cree na súa web un apartado para informar sobre subvencións oficiais

 

Na sesión plenaria ordinaria que a Corporación do Barco celebraba na tarde do 3 de febreiro resultaba aprobada por unanimidade unha moción presentada polo concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, relativa á “necesidade de que as entidades bancarias ofrezan un servizo adecuado, en especial, ás persoas de idade que teñan dificultades no acceso aos servizos online”.

“A banca atópase nun proceso de implantación de novos sistemas de xestión, co fin de abaratar os custos que lle supoñen os empregados, que implican a redución da atención personalizada aos clientes: marcan horarios limitados e específicos de cara ao público ao tempo que desvían as xestións a través de medios informáticos e caixeiros automáticos para acceder ao diñeiro propio”, aseguraba o edil de Riada na moción.

No texto da iniciativa plantexábanse tres acordos que, logo dun debate plenario no que se chegaba a un acordo, quedábanse en dous: “instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello do Barco a reforzar os recursos para dar un servizo adecuado, durante todo o horario de oficina, e sen cobro de comisións aos colectivos vulnerables, en especial ás persoas maiores nas súas xestións financeiras” e “trasladar os presentes acordos ao conxunto de entidades bancarias que operan na nosa vila, á Fegamp, á Consellería de Economía”.

Na sesión plenaria tamén resultaba aprobada por unanimidade a proposición da alcaldía para acordar a prórroga da delegación, en Galicia, das competencias municipais relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do seu corpo de Policía Local e as prazas auxiliares de Policía Local. “Este convenio ten unha duración de 4 anos e será prorrogado por outros 4 anos”, matizaba o alcalde do Barco, Alfredo García.

 

 

“Este convenio”, engadía o voceiro do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso, “non supón ningún custo para o Concello, senón un gran beneficio xa que é a Academia Galega de Seguridade Pública quen se encarga dos procesos, da selección”. Así mesmo indicaba que o plantel da Policía Local está formado por 17 membros.

Na sesión plenaria tamén saía adiante unha relación de xustificantes de gasto mediante o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito de 295 facturas. Ademais aprobábase co apoio de todos os grupos (agás do PP que se abstivo), unha moción presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, relativa á que se “facilite á cidadanía o coñecemento de convocatorias de axudas e subvencións oficiais” cun apartado específico na páxina web do Concello “onde se informará, por transcrición literal do texto ou enlace informático, das subvencións e axudas que poidan interesar á cidadanía barquense: especialmente particulares, asociacións veciñais ou autónomos. Advertindo no propio apartado que tal información e só orientativa e que non substitúe á lectura dos voceiros oficiais”.

Artigos relacionados

Back to top button