O Concello do Barco “instalará armarios con mangueiras contra incendios en todos os núcleos rurais do municipio entre este ano e o que vén”, así o veñen de anunciar dende a Administración local, adiantando que o custo da primeira fase do proxecto, “co que se pretende que a meirande parte dos pobos do concello dispoñan de medidas para defenderse contra os lumes, é de preto de 25.000 euros”. No próximo exercizo completarase a instalación en todos os núcleos de poboación do municipio.
Na sede electrónica do Concello está publicado o concurso para o subministro e a instalación dos primeiros 21 armarios, que se queren instalar este ano. Os interesados poden presentar as súas ofertas ata o día 28 de agosto, incluído, e o adxudicatario disporá de 20 días para facer a entrega e instalación dos materiais.
Segundo explican dende o Concello os armarios instalaranse en cada poboación, (cada núcleo disporá dun ou dous armarios, dependendo do seu tamaño) nos lugares máis adecuados para que “cumpran co obxectivo de servir como primeira defensa, en caso de lumes ou incendios, ata a chegada dos servizos de emerxencia”. Os armarios estarán conectados a bocas de incendio, e cada un contará con dúas mangueiras de 45 milímetros e 30 metros de lonxitude, reductores, chaves de aperturas de hidrantes e lanzas.