ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco solicitará á Xunta a transferencia da avenida do Bierzo

Así se acordaba na comisión municipal de obras celebrada neste martes e na que se abordaba o proxecto de urbanización desa zona da vila

Imaxe da avenida do Bierzo no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O proxecto de humanización da avenida do Bierzo do Barco era o punto central da orde do día da Comisión Municipal de Obras, celebrada neste 9 de febreiro. No seu decurso o alcalde barquense, Alfredo García, explicaba en que consiste esta actuación, cuxo proxecto vén de remitirlle ao Concello a Consellería de Infraestruturas, así como as dúas opcións que ten esta administración local para participar nel.

“Ou ben cofinanciamos a obra ou ben, unha vez feita a obra, a Xunta transfírenos a rúa ao Concello”, indica o rexedor barquense, “finalmente acordouse por unanimidade que asumiamos a rúa. É dicir que cando se rematen os traballos iniciarase un proceso con Patrimonio da Xunta para tranferirnos esa rúa ao Barco e, polo tanto, ao Concello non lle custará nada a obra, que ten un investimento de máis de 800.000 euros”.

Na comisión tamén se decidía levar a cabo unha revisión máis detallada do proxecto desta avenida, especialmente no relativo a cuestións como a varanda ou os remates na zona das pontes. Así mesmo dende o Concello do Barco pedirase que os técnicos da consellería elaboren un informe relativo á seguridade da ponte que vai sobre a vía férrea. “Dito isto, notificaráselle o acordo á Consellería de Infraestruturas de cara a que inicie os trámites para a adxudicación da obra e para que antes de que acabe o 2021 as máquinas estean traballando xa”, indica Alfredo García.

Proxecto de parque eólico

Outro dos temas que se poñían sobre a mesa nesta Comisión de Obras era o proxecto dun parque eólico que afecta tamén ao concello do Barco. “Iniciamos o debate sobre este proxecto e acordamos que na próxima comisión, que será dentro de 15 días, todos os grupos políticos municipais fagan as súas propostas para ver se se fai ou non unha alegación. A idea é chegar a un consenso neste tema, que haxa un acordo e que a postura do Concello se plasme nun documento único”, sinala o alcalde do Barco, Alfredo García.

 

Artigos relacionados

Back to top button