A RúaConcellosÚltima horaVídeos

O Concello e os viños da Rúa volverán estar presentes no Iberovinac de Almendralejo

O 23º "Salón del Viño y la Aceituna de Extremadura" celebrarase do 20 ao 22 de marzo

 

Seguir fortalecendo os lazos de irmandamento e promocionar os viños da D.O. Valdeorras nunha mostra de gran prestixio e traxectoria, son os dous obxectivos principais cos que o Concello da Rúa estará presente un ano máis en Iberovinac, o Salón del Vino y la Aceituna que celebrará a 23ª edición do 20 ao 22 de marzo na localidade extremeña de Almendralejo.

 

 

Respondendo ao convite feito polo Concello de Almendralejo, irmanado co da Rúa dende hai máis de vinte anos, a localidade valdeorresa estará presente como vén sendo habitual mediante un stand no que “exporemos o viño da nosa zona, especialmente da Rúa e este ano como novidade proxectarase o documental sobre as covas elaborado pola Ruta do Viño de Valdeorras”. Así o avanzaba o concelleiro Luis Fernández Gudiña que formará parte da comitiva municipal que viaxará mañá ata Extremadura. Do equipo de Goberno está acompañado por José Vicente Solarat e Ana F. Vizcaya e da oposición tamén viaxarán Raúl Yáñez e Joana Gómez.

 

Con respecto ao stand, son 14 as adegas que estarán representadas en Iberovinac, contando coa colaboración do C.R.D.O. Valdeorras e a Ruta do Viño de Valdeorras. Ao longo dos tres días que dure a feira participarán en diferentes actos que se leven a cabo, entre os que destaca unha cata de viños de Alán de Val a cargo de Joaquín Sánchez, presidente tamén da Ruta do Viño de Valdeorras, o xoves ás 11 horas; e a proxección de “Covas de Valdeorras” ese mesmo día ás 12:30 horas no Salón de Actos.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button