OurenseÚltima hora

O Concello inviste 60.000 euros para acondicionar o refuxio de animais de Eiroás

Jesús Vázquez reuníuse tamén co artista Mon Devane para acordar a cesión de muros para arte urbana

O refuxio de animais de Ourense, xestionado pola protectora Progape, viu aumentado o pasado ano nun 43,4% as axudas por parte do Concello. Así, a sinatura do convenio de colaboración con esta entidade fixa unha cantidade de 210.879,8 euros para os vindeiros anos 2017 e 2018, adicados a manter a recollida e traslado de animais cara ao refuxio, así como a xestión e mantemento do recinto de Eiroás.

Por outra banda, a estas axudas hai que engadir o proxecto de mellora das instalacións do albergue da animais, orzamentado en 60.100 euros e cuxos traballos acaban de ser rematados. Segundo avanzan dende o Concello, este proxecto fundamentouse en cinco grandes eixos de actuación. Na presentación do proxecto, esta mañá no consistorio, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradeceu a “importante labor que veñen facendo dende a protectora” e dixo que esta tarde visitará as instalacións.

Así, por unha banda,  fixeron a división provisional do patio en dous espazos. Nun lado está a zona de corentena para os cadelos e noutra parte fixeron a zona de hospitalización de animais grandes. Este lugar, asegurou hoxe o alcalde de Ourense, “non reunía as condicións hixiénicas nin sanitarias necesarias”. Por iso o proxecto contemplaba as reformas e adecuacións interiores “co fin de alcanzar as condicións mínimas de hixiene e salubridade e para facilitar a limpeza dos materiais adecuados”, asegurou o rexedor municipal.

A zona de hospitalización de animais grandes conta, a petición de Progape, con oito gaiolas grandes, “imprescindibles para o post operatorio e cumprimento coas condicións hixiénico sanitarias”, informou Vázquez. Ditos espazos terán desaugues separados, mediante canle independente, coa fin de evitar contaxios entre os animais.

Seguidamente fixeron novas gateiras para os gatiños máis pequenos. Anteriormente, nas instalacións de Eiroás, había tres gateiras pero ningunha estaba dedicada para os felinos pequenos que até o de agora estaban en gaiolas de dimensións reducidas, xa que non podían mesturarse cos gatos adultos.

Para evitar iso, fixeron unha gateira de 10 metros cadrados con patio anexo para ese gatos máis mozos e aínda sen esterilizar. Os materiais son impermeables e a gateira conta con luz e ventilación natural, así como con auga, saneamento e electricidade.

A terceira actuación a levar foi a división dos patios dos cans. Dende a protectora sinalaron que a situación actual requería a necesidade de separar pequenos e medianos dos animais máis grandes, co fin de evitar agresións e tamén precisábanse patios comúns para animais en recuperación.

Para solucionar este problema, fixeron novas divisións con zócalos e bloques de formigón, con canle de recollida de residuos. En total, esta actuación tivo un custo de 5.785,5 euros, segundo informan fontes municipais.

Outro dos plans é a substitución dos peches e as portas metálicas, cuxa inversión foi de 10.094,5 euros. Estes peches, que abren os patios comúns da zona oeste, estaban deteriorados e supuñan un risco para os animais. O proxecto contemplaba a desmontaxe e substitución das mallas existentes así como das portas, por outras novas electrónicas de aceiro.

Finalmente, substituíron a porta de entrada aos caniles, patios e gateiras, xa que até o de agora estaban a usar unha vaia como peche.

Reunión co artista urbano Mon Devane

Neste mesmo acto, Jesús Vázquez explicou o resultado da reunión que mantivo do artista urbano Mon Devane, que lle propuxo “facer un convenio de colaboración para pintar muros e espazos urbanos ao aire con arte urbana”, explicou o rexedor, que cualificou a proposta de “moi interesante”.

A iniciativa o que pretende é que artistas a nivel “ourensán, galego, nacional e internacional” poidan vir a expresar a súa arte á cidade. Asemade, tamén levaríanse a cabo concursos de murais. O Concello de Ourense, segundo dixo Vázquez, sería o encargado de ceder eses eses espazos aos artistas “ou facer de mediador coas asociacións de veciños ou as empresas”.

No eido das propostas, estas serían de temática libre ou “algunhas que faría o Concello”, sinalou o rexedor. Jesús Vázquez tamén quixo salientar que isto “non son as pintadas, froito de actos vandálicos, que coñecemos e que non se corresponden a arte urbana”.

Deste xeito, Ourense sumaríase a unha iniciativa “que xa se fai en toda Europa e da que non pode estar allea como capital cultural que é”, concluíu o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button