OurenseÚltima hora

O Concello reforza o ensino das matemáticas en secundaria cun programa de xogos

O programa Lóxico-Matemático está dirixido para alumnos e profesorado a partir de 1º da ESO co obxectivo de sentar bases e dotar de recursos didácticos
Instituto Otero Pedrayo.

O Concello de Ourense quere reforzar o ensino das Matemáticas nos centros escolares da cidade a través do programa Pensamento Lóxico -Matemático, unha ferramenta dirixida a profesores e alumnos “co obxectivo de que adquiran coñecementos básicos e previos para ir creando capacidades”, comentou o alcalde, Jesús Vázquez, durante a presentación. O rexedor municipal dixo que o principal “é que entendan conceptos e poidan, a partir de aí, establecer relacións baseadas na lóxica, de forma esquemática e técnica”. Actualmente hai 23 centros centros interesados no programa, informan fontes consistoriais. Esta iniciativa se desenvolveu en fase experimental ao longo deste curso, e está dirixido para o alumnado a partir de 1º da ESO.

“Para mellorar os resultados nas técnicas instrumentais básicas”, explicou o técnico da Concellería Elías Domínguez, “empregaranse catro técnicas: a da lenda da fin do mundo, unha xincana matemática e un dicionario galego de matemáticas, baseadas no xogo, ademais de entrevistas cos profesores da cidade para que nos saiban dicir as necesidades específicas”.

O informe pisa sobre Educación sitúa a Galicia no alto da táboa, e rexistra melloras en áreas como Matemáticas (494, cinco puntos máis en tres anos e agora en oitava posición ). É dicir, ao mesmo nivel que a media de Occidente pero por riba de países coma Estados Unidos ou Luxemburgo e á altura de Francia, Portugal, Italia, Suecia ou Reino Unido. Porén, o programa de Pensamento Lóxico – Matemático quere estimular ao alumnado para que interiorice a importancia das técnicas de cálculo, combinación e logaritmos en base a xogos sinxelos.

Este non é o primeiro programa da Concellería de Educación dirixido ao profesorado (tamén están os cursos do programa SHE ou as actividades fóra do horario lectivo). “O que pretendemos é potenciar a atención, a reflexión e a cooperación entre iguais a través dunha linguaxe neutral, que é a do xogo”, explicou a concelleira de Educación, Belén Iglesias

Artigos relacionados

Back to top button