ConcellosQuirogaÚltima hora

O concurso-desfile de comparsas de Entroido de Quiroga aumenta o orzamento en premios

Para participar é preciso inscribirse antes do 26 de febreiro na Casa da Cultura

Desfile de Entroido o ano pasado en Quiroga./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Concello de Quiroga vén de presentar as bases do concurso-desfile de comparsas de Entroido que terá lugar o domingo 2 de marzo e que aumenta o orzamento en premios. O desfile sairá ás cinco da tarde dende a rúa Piscinas para percorrer a rúa Real ata a Casa Consistorial onde rematará cun baile de disfraces animado pola charanga Os Caliqueños e unha invitación a chocolate con churros.

Poden participar todas as persoas que o desexen, tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando se acollan as dúas modalidades de participación estipuladas: comparsa (integrada polo menos por dez membros) e disfrace individual (que como  máximo agrupará tres membros).

Cada participante nomeará un representante para formar parte do xurado, polo que o xurado cualificador estará composto por tantos membros coma comparsas e disfraces participen no desfile. Os integrantes do xurado despois de asistir ao desfile,  valorarán   a  cada comparsa menos á que representa, valorarán  a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración de vestiario e a elaboración da carroza.

Para a modalidade de comparsa establécese un primeiro premio de 600 €, un segundo premio de 400 € e un terceiro  premio de 300 €. O resto das comparsas participantes recibirán 100 €. Para a modalidade de disfrace individual haberá un único premio ao mellor disfrace dotado con 60 €. Estes premios entregaranse na rúa Real, diante do Concello, ao remate do desfile.

Para participar no desfile é preciso inscribirse, presentando a documentación esixida, antes do 26 de febreiro na Casa da Cultura ou na Sede electrónica do Concello de Quiroga, onde tamén se poden consultar as bases.

O luns día 3 de marzo os máis pequenos contarán coa súa festa de disfraces a partir das cinco da tarde.

Artigos relacionados

Back to top button