SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade anuncia o inicio de obras de reforma en varias áreas do HPV

En total investiranse máis de 1,6 millóns de euros "para ampliar este hospital", segundo Julio García

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: A.R.

 

Neste mes iniciaranse as obras de reforma das áreas de farmacia, hospital de día e cirurxía maior ambulatoria do Hospital Público de Valdeorras. Anunciábao esta mañá no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Tamén adiantaba que, nas vindeiras semanas, retomarase a obra de reforma da área de consultas externas. En total, dixo García Comesaña, un investimento de máis de 1,6 millóns de euros para ampliar este hospital. “Ademais, entre o ano 2020 e o 2022 o Sergas terá investidos 1,5 millóns de euros en equipamento para o reforzo deste hospital. Por exemplo”, segundo o conselleiro, “co contrato que está en trámite para renovar 106 camas hospitalarias no centro”.

Outros investimentos citados por García Comesaña “para potenciar este hospital” son, “un novo equipo radiocirúrxico, mercado este mesmo ano; a incorporación de dous ecógrafos este mes en cardioloxía e xinecoloxía, e outros dous máis para urxencias e radiodiagnóstico, que se incorporarán o ano próximo”.

 

O conselleiro de Sanidade, intervindo no Parlamento galego esta mañá.

 

Respecto do servizo de traumatoloxía, cun só profesional en activo, o conselleiro remarcou a importancia da decisión adoptada pola Xunta segundo a cal, “mentres o Sergas non cubra de xeito estable esas prazas, traumatólogos de todas as áreas rotarán para asegurar a cobertura sanitaria da comarca. Trátase dunha solución novidosa que implicou falar cos servizos de traumatoloxía de todas ás áreas sanitarias galegas e marcar como prioridade para todos eles a garantía da cobertura neste hospital”.

O conselleiro de Sanidade asegura que “o Hospital Público de Valdeorras está a experimentar melloras a nivel de cobertura de persoal, de infraestruturas e de equipos” e que se está “a premiar o exercicio profesional en hospitais como o de Valdeorras e, así, os profesionais que optan por traballar nel teñen máis puntuación para as ofertas de emprego, para as listas de contratación e para a carreira profesional”. Incidiu tamén na necesidade de que o Goberno central “lexisle sobre os incentivos á cobertura de prazas de difícil cobertura, dando cumprimento a un acordo unánime do Consello Interterritorial de Saúde de abril de 2018”.

Artigos relacionados

Back to top button