EconomíaEconomíaÚltima hora

O conselleiro do Medio Rural visita os expositores galegos na ‘London Wine Fair’ 2022

En total son case 120 adegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes da nosa comunidade as que participan neste evento

 

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, destina este ano un total de 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos diferentes consellos reguladores dos viños e augardantes galegos, así como para financiar o seu labor de control da calidade e de promoción nos diferentes mercados. Así o destacaba o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita á London Wine Fair 2022, onde acudiu para apoiar a presenza dos viños e augardentes galegos nesta feira internacional, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

En total, case 120 adegas galegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes da nosa comunidade participan neste evento, un dos máis importantes do sector no calendario internacional. Así, contan con representación 19 adegas da denominación de orixe Monterrei, 30 do Ribeiro, 16 de Ribeira Sacra, 19 de Valdeorras e 28 de Rías Baixas, así como 6 elaboradores de augardentes e licores, con 19 referencias.

 

Visita do conselleiro do Medio Rural á feira en Londres.

 

Prestixio da produción galega

Nesta feira de Londres, José González remarcou a extraordinaria calidade e prestixio da produción agroalimentaria galega en xeral e dos viños e augardentes en particular, unha excelencia que a Xunta apoia a través de diversas vías, coas devanditas axudas aos consellos reguladores e tamén cunha clara aposta pola internacionalización. Neste sentido, trasladou que o impulso á exportación é unha das liñas básicas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector.

En termos semellantes, José González referiuse ao anteproxecto de lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación. Un texto que -dixo- vai supoñer un importante pulo para as producións agroalimentarias galegas. Engadiu que esta norma ten como principal obxectivo conseguir para elas unha nova dimensión no mercado -tanto nacional como internacional-, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

Os produtos vitivinícolas galegos están representados neste certame de Londres ao amparo dunha acción de promoción coordinada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración co sector.

 

Artigos relacionados

Back to top button