EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Monterrei e Abanca renovan a súa colaboración

Sinatura do convenio de colaboración entre a D.O. Monterrei e Abanca.

 

Vén de renovarse o convenio de colaboración que manteñen o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e Abanca. A presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, e a directora de zona desta entidade en Ourense Sur, María José Pérez, asinaban hoxe en Verín o novo texto co que se activan as novas opcións de crédito deseñadas para facer fronte ás necesidades de viticultores e adegas pertencentes a esta denominación de orixe.

“O catálogo inclúe unha oferta creada especificamente para este colectivo, cunhas condicións melloradas na contratación e con produtos adaptados ás súas demandas. Para facer fronte ás necesidades máis perentorias, os viticultores do CRDO Monterrei terán acceso a unha conta de crédito deseñada para financiar os gastos de abono, fertilizantes, poda e outros aspectos da actividade do sector. Tamén, contarán cun prazo de ata cinco anos, que lles permitirá aforrar gastos de intervención notarial”, segundo informa Abanca.

Os produtores da D.O. Monterrei tamén poderán optar, entre outros, a produtos como liñas de comercio exterior, financiamento mediante leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos. Así mesmo, no caso de poñer en marcha investimentos para mellorar a competitividade das súas explotacións agrarias, crecer ou afrontar retos estratéxicos, o colectivo contará con outras solucións como préstamos específicos con prazos de amortización amplos e intereses baixos.

“Coa renovación deste convenio buscamos que os nosos viticultores e adegas poidan optar a produtos e servizos que sexan de utilidade para o seu funcionamento diario”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, “ademais estamos nun momento no que é importante que todos unamos forzas para preservar a estabilidade do tecido empresarial, máxime se falamos dun sector como o noso, primordial na economía da comarca de Monterrei”.

Artigos relacionados

Back to top button