O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, constatou hoxe o avance dos traballos de construción da circunvalación do Barco de Valdeorras, executada polo Ministerio de Transportes, “unha infraestrutura chamada a mellorar a vida dos veciños e veciñas de Valdeorras” e na que o Goberno está a investir máis de 62 millóns de euros. “Con esta actuación, o Goberno está a dar resposta a unha demanda histórica; un Goberno que cumpre cos veciños e veciñas do Barco, con Ourense e con Galicia e que está a poñer todo o empeño para que esta infraestrutura sexa pronto unha realidade, a pesar da súa complexidade”, apuntou Pedro Blanco.
Durante a visita, na que o delegado estivo acompañado polo xefe de Estradas de Ourense, Álvaro Rodríguez, polo alcalde do Barco, Alfredo García e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, na que é a súa primeira vista oficial, explicou que o obxecto das obras é “dotar dunha conexión rápida e segura ás estradas N-536 e N-120 que sirva ademais como variante, evitando así o frecuente paso dos camións de lousa das canteiras próximas e do resto de vehículos polo centro urbano.

A conexión das estradas N-536 e N-120 ao seu paso polo Barco é unha obra cunha alta complexidade técnica. Esta nova vía de alta capacidade de 5,6 km de lonxitude inclúe a construción de 6 viadutos (destaca o viaduto sobre o Sil, de 405 metros, e o do río Cigüeño de 258 metros), 1 túnel de 490 metros de lonxitude baixo o monte do Serro, 3 pasos superiores e un inferior.
Actualmente, os traballos céntranse na execución da infraestrutura que salva a entradas das tubaxes da central hidroeléctrica de Sobradelo; na escavación do arranque do túnel do Serro e na construción dos viadutos do Sil e o río Cigüeño.
“Esta variante, unha vez rematada, está chamada a mellorar a vida dos veciños e veciñas do Barco e de toda a comarca de Valdeorras, aforrando tempo e mellorando a seguridade nos desprazamentos e, ao mesmo tempo, afastando o tráfico do centro da vila”, lembrou o delegado, que aproveitou a visita para repasar co alcalde algúns dos investimentos do Goberno na localidade en materia de eficiencia enerxética, recuperación do patrimonio ou humanización das contornas urbanas. Neste senso, trasladoulle que o Concello “vai ter sempre neste Goberno un aliado para facer os seus proxectos realidade”.
O alcalde do Barco pola súa banda, destacou a importancia desta variante. “Todos os camións de lousa de Carballeda e mesmo da Baña pasan por aquí, polo que é vital para que O Barco poida tranquilizar o tráfico e que esa estrada N-536 poida chegar a ser unha rúa máis da vila”.
Fotos: O SIL.
Vídeos: Mónica G. Bellver.