
O deputado Davide Rodríguez Estévez do grupo mixto vén de presentar no Parlamento galego unha proposición non de lei para o seu debate en pleno. No texto da súa iniciativa lembra que o 8 de xullo “o pedrazo volveu caer con forza, afectando ás plantacións de determinadas comarcas da provincia de Ourense, sendo os Concellos máis afectados os de O Barco de Valdeorras, Rubiá, O Bolo, Monterrei e Verín”.
Tamén indica que, “a falta de confirmacións oficiais, máis de 350 ha poderías estar danadas polo pedrazo, afectando a viñedo, horta e castiñeiro”, e neste senso,vdi que “dende o Grupo Parlamentario Mixto, esixímoslle á Consellaría de Medio Rural que garanta ás nosas produtoras e produtores unhas colleitas dignas en calidade e cantidade para asegurar a continuidade da actividade viticultora e hortícola nunha provincia onde ten unha importante tradición e un peso económico fundamental”.
Ademais na súa iniciativa Davide Rodríguez pide que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia a “facer unha avaliación e cuantificación precisa dos danos provocados polo pedrazo nos cultivos agrarios e gandeiros; e informar de maneira aberta e transparente ao respecto”, así como a “determinar que porcentaxe de cultivos arrasados non están cubertos por seguros agrarios e crear unha liña de axudas directas para garantir a liquidez das persoas afectadas e compensar as perdas”.