CulturaCulturaEntroido 2020Galerías de fotosÚltima hora

O desfile de folións dos Viticultores abre o Entroido en Vilamartín de Valdeorras

O desfile tiña lugar na tarde do 15 de febreiro dende a Rodeleira ata a praza X. Luís Núñez

Cun concurrido  desfile de folións arrancaba o Entroido en Vilamartín de Valdeorras. Da man da Asociación Folión Os Viticultores (coa colaboracion do Concello), a xuntanza tiña lugar no barrio da Rodeleira na tarde do sábado 15 de febreiro. A festa comezaba pasadas as seis cos membros dos Viticultores recibindo aos convidados en forma de verso e o pregón a cargo de Jorge Vázquez do Folión A Caniceira de Trives.

 

O pregoeiro Jorge Vázquez recolle o agasallo de mans de Begoña Vega, dos Viticultores.

 

De seguido comezaba o desfile que levaría aos participantes polo centro do pobo ata a praza X. Luís Núñez. Abrindo a comitiva os anfitrións, despois os Labregos de Trives e o Entroido de Samede (San Mamede, Paderne-A Coruña) cos gaiteiros, bailaríns e personaxes animais. Continuaban o Folión do Tameirón (A Gudiña), As Maceiras (Trives), Carracedo da Serra (A Gudiña), Chandrexa de Queixa e Petín. De seguido tocáballe o turno ás Mázcaras e Madamas de Pombriego (León), continuando co Folión A Lardeira (Trives) e o Irrio de Castro Caldelas, sendo A Caniceira a encargada de pechar a comitiva co seu enérxico son.

A tralo percorrido pola vila, o programa continuaba coa III Festa das Sopas de Allo no pavillón do Bañadoiro na que máis de 500 persoas degustaron un menú composto por sopas de allo, empanada, costela e panceta á grella, chourizo cocido e bica. O fin de festa poñíao o Trío Fusión.

O vindeiro sábado 22 de febreiro, celebrarase no mesmo lugar o desfile de comparsas organizado polo Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button