Apenas un mes despois de ganar o primeiro premio do certame de deseñadores noveis Midnight Fashion Show 2019, do Balneario de Mondariz, Jorge Álvarez presentaba a súa nova colección en casa, en Viana do Bolo, diante da súa familia, veciños e amigos.
Como todo o que fai este polifacétivo xove vianés (modelo, estilista, perruqueiro, modisto, deseñador,…) o desfile previsto para o domingo 11 de agosto no barrio do Toural (incluído na programación festiva do Concello de Viana) espertaba gran curiosidade e non defraudou, con numeroso público atento a cada pase ao longo da rúa.
A brusca baixada de temperaturas e a ameaza de chuvia na tardiña do domingo poñía aínda máis nervioso ao deseñador, pendiente todo o tempo do ceo. E non sabemos se foi casualidade ou as ameazas do propio deseñador, pero o caso é que no choveu e pasadas as sete e media, a presentadora do evento, Tania Fuegho chegaba nun luxoso coche clásico para dar comezo ao desfile.
Unha pasarela que abría un primeiro pase de baño, con modelos creados por Jorde baixo a marca Jorge de Álvarez Desing. Unha colección en tons brancos e dourados feitos para “resaltar as siluetas feminina e masculina dun xeito estiloso e totalmente atemporal”, en palabras da presentadora.
De seguido tiña lugar o segundo pase do desfile, a cargo da tenda de moda Pizpireta do Barco de Valdeorras. Unha tenda que se caracteriza “pola súa personalidade e orixinalidade á hora de escoller cada prenda”, en palabras de Tania. En Viana, presentou unha serie de modelos moi variados, unha colección fresca, de verán, con looks casual e tamén de festa para “ser a convidada perfecta en calquera evento”. Os tocados eran de Ledicia del Pont, tamén do Barco de Valdeorras.
E como non podía ser doutro xeito, o desfile pechábao o pase principal: a nova colección de Jorge de Álvarez, na que levaba meses traballando. Un pase composto por 15 estilismo, un deles o que levaba a propia presentadora, cos que Jorge quixo expresarse a través das cores e dos tecidos variados. Inspirada nos anos 30, cando as mulleres comezaban a usar prendas de corte masculino, os deseños presentan cortes clásicos e transparencias, demostrando unha vez máis que “a elegancia está en insinuar non en ensinar”.
O toque musical da tarde poñíao Julia Fernández de O Bolo e o seu violín, cunha fermosa e emotiva actuación en directo e o broche de ouro, un sorteo final de diferentes produtos e tratamentos de beleza entre todos os asistentes.
Fotos: Mónica G. Bellver