Desde o Seminario Maior Diocesano de Astorga veñen de comunicar con gran alegría, a ordenación presbiteral do diácono Gonzalo Vitoria Bores, docente no Colexio San Pablo VI-Fátima da Rúa, o día 29 de setembro ás 18 horas, na S.A.I. Catedral de Astorga.
Seminarista Maior natural de Castro-Urdiales, en Cantabria, Vitoria Bores ten 25 anos. Foi alumno dos Colexios “Menéndez Pelayo” e “Torreánaz” na súa terra natal, cursando posteriormente os seus estudos de Bacharelato no Seminario Menor Diocesano en Ponferrada. Finalizou os Estudos Eclesiásticos no Seminario Maior de Astorga.
Foi ordenado diácono o 15 de outubro de 2023 na S.A.I. Catedral de Astorga, de mans do Bispo de Astorga D. Jesús Fernández González e a súa última etapa de formación (Pastoral ou de Síntese Vocacional), que cursou neste ano de diaconado, realizouna no Colexio Diocesano Pablo VI-Fátima da Rúa onde continuará como presbítero ao ser nomeado polo Bispo formador e profesor do devandito centro, así como en diferentes parroquias do Arciprestado de Galicia e da Unidade Pastoral Virxe das Ermitas.
Tal como explican dende o Seminario Maior, trátase dun mozo que “quere entregar a súa vida ao servizo da Igrexa Diocesana e facer realidade na súa vida as palabras de San Pablo: Vivo, pero non son eu quen vive, é Cristo quen vive en min”.