Excelente acollida da actuación de Luar Na Lubre nas Ermidas (O Bolo). O público esgotaba as entradas a esta actuación que tiña lugar o 16 de xullo no adro do santuario, que se enchía de persoas. O concerto comezaba cunha intervención de Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, entidade que patrocinaba a actividade dentro dos “Concertos do Xacobeo”.

“Para nós é unha honra colaborar e patrocinar este concerto e que fora tan ben recibido pola cidadanía e contar con este público tan marabilloso”, aseguraba Merelles, lembrando que a treboada que ameazaba o acto a primeira hora da tarde, “deunos tregua para celebrar este concerto, que é moi especial porque está dentro da xira do 40 aniversario do grupo Luar Na Lubre”.
Incidía en que forma parte do “gran programa de “Concertos do Xacobeo”, un programa da Xunta de Galicia que leva a música por todos os recunchos de Galicia, non só das grandes cidades”.
E convidaba aos presentes a desfrutar da música de Luar Na Lubre, confiando en que “este concerto sexa recordado polo menos durante todo o verán”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

