OurenseÚltima hora

O director monfortino Dani de la Torre, Premio Ourense 2020 do OUFF

É un autor "emocionalmente vinculado á cidade" por terse formado en Imaxe e Son na Escola de Cine de Bemposta e tamén por terse formado como espectador nas súas salas durante a súa etapa de estudante

O director monfortino Dani de la Torre./ Foto cedida polo OUFF.

 

O Premio Ourense, un dos máis prestixiosos do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), recaerá este ano no director monfortino Dani de la Torre “en recoñecemento ao seu labor profesional no mundo do cine”, tal e como se vén de anunciar dende a dirección do festival.

Este galardón concédese en cada edición a un profesional que teña destacado no seu traballo no audiovisual, “non necesariamente pola traxectoria de toda unha vida, senón por algún aspecto concreto que o faga único”, matizan dende o OUFF.  O pasado ano recibiu o galardón o director ourensán Norberto López Amado e no 2017 recaera no actor Luis Tosar. Ao longo da historia do Festival de Ourense recibírono persoeiros como Imanol Arias, José Sacristán, Emilio Gutiérrez Caba, Emilio Martínez-Lázaro ou Enrique Urbizu.

O OUFF considera ao director monfortino merecedor do galardón “pola polivalencia e transversalidade da súa traxectoria profesional, ao ter creado curtametraxes, tv movies, longametraxes e serie de ficción, ata estar considerado un dos novos valores xa consolidados no actual panorama audiovisual español. Engádese igualmente que o premio, polo seu nome e pola significancia, recae nesta edición nun autor emocionalmente vinculado a Ourense por terse formado en Imaxe e Son na Escola de Cine de Bemposta e tamén por terse formado como espectador nas salas da cidade durante o seu tempo de estudante”.

Unha destacada traxectoria

Dani de la Torre naceu en Monforte de Lemos e estudou Imaxe e Son en Ourense. No seus comezos filmou diversas curtametraxes, como “Minas” (2004) e “Lobos” (2004) polo que recibiu o Premio do Público no OUFF e “Bos días” (2006). En 2010 dirixiu e co-escribiu a miniserie de dous episodios “Mar libre”. En 2015 dirixiu a súa primeira longametraxe, “El desconocido”, cun guión de Alberto Marini e que contou coas interpretacións de Luis Tosar, Elvira Mínguez, Javier Gutiérrez e Goya Toledo e foi rodada na Coruña. O filme levou doce galardóns nos Premios Mestre Mateo 2015 e gañou dous Premios Goya (mellor montaxe e mellor son).

En 2018 dirixiu a curtametraxe “Álex y Julia”, para Estrella Damm, con Michelle Jenner e Oriol Pla. Logo dirixiu o filme “La sombra de la ley”, con guión de Patxi Amezcua e protagonizada de novo por Luis Tosar, xunto con Michelle Jenner. A película gañou tres Premios Goya (mellor fotografía, dirección artística e deseño de vestiario) e dez Premios Mestre Mateo, incluído o de mellor película e mellor director para de la Torre.

Para televisión rodou “La unidad”, o fenómeno televisivo deste ano de Movistar+. Na actualidade, Dani de la Torre está a rodar en localizacións das provincias de Lugo e Ourense a súa nova película “Live is life”, baseado nun guión do escritor Albert Espinosa. A súa estrea está prevista para 2021.

Artigos relacionados

Back to top button