CulturaCulturaÚltima hora

O director valdeorrés Ignacio Vilar inicia a rodaxe do seu novo filme “María Solinha”

Redondela, Cangas e a Illa de Toralla serán as localizacións desta historia protagonizada polas novas actrices Grial Montes e Laura Míguez

Un afamado director de teatro chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica acusada de bruxería pola Inquisición a principios do século XVII. Así arranca a nova historia que Vía Láctea Filmes levará á gran pantalla, María Solinha. Un filme dirixido polo petinés Ignacio Vilar que se rodará entre o 19 de agosto e o 20 de setembro en diferentes localizacións de Redondela, Cangas e a Illa de Toralla, co apoio económico da Xunta entre outras achegas.

Así o anunciaban na presentación que tiña lugar na mañá do 13 de agosto en Cesantes (Redondela, Pontevedra), na que participaban, ademais do director, dúas das actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez e o director da Agadic Jacobo Sutil, xunto aos representantes do resto das institucións colaboradoras nesta produción de Vía Láctea Filmes coa TVG. No acto, Sutil explicou que María Solinha é un dos títulos subvencionados na modalidade dirixida a longametraxes de ficción para a gran pantalla, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do noso audiovisual, ademais de posuír unha alta capacidade para a súa difusión nacional e internacional. “Non me cabe dúbida de que, como constatou a comisión independente que se encargou de avaliar os proxectos presentados este ano ás subvencións da Agadic, o novo filme de Ignacio Vilar reúne todas estas características, tanto desde o punto de vista do seu valor artístico, como desde o seu compromiso con Galicia, cos profesionais do noso audiovisual e co noso idioma”, dixo.

Xunto a Grial Montes –no papel da María Solinha do século XXI– e de Laura Míguez, forman tamén parte do elenco Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Sheyla Fariñas, Fernando González, Alfonso Agra, Mela Casal, Fran Lareu, Melania Cruz e Jorge Varandela.

Artigos relacionados

Back to top button