
Constitúe un relato de relatos, de recordos de acontementos de tempos pretéritos contado en primeira persoa polas súas protagonistas: as mulleres vianesas. “Pegadas” é un documental que recolle as vivencias dunhas 70 mulleres (a maior parte delas de 70 anos e algunhas incluso nonaxenarias) de boa parte das aldeas do municipio de Viana que falan de como era tempo atrás a vida, dos traballos, das tradicións, das festas, da natureza, de sentimentos…
Este documental, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Viana do Bolo e polo Centro de Información á Muller, estreábase cunha excelente acollida en decembro de 2021. Agora neste tempo de verán proxectárase ao aire libre nunha sesión prevista para mañá 6 de agosto ás 22:30h. na praza Maior de Viana do Bolo.
Detrás deste traballo, que conta co financiacimento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, está un equipo formado por Andrés Ortiz, Isabel González, Sara Feijóo, Nuria Paz e Ramona García.
Esta proxección está incluída dentro dos actos do Verán Cultural de Viana do Bolo.