ConcellosÚltima hora

O DOG publica as primeiras axudas para “impulsar a boa gobernanza” nas comunidades de montes

Con elas búscase profesionalizar a xestión das CMVMC e consolidar as máis de 660.000 hectáreas de montes que abranguen, que representan máis do 25% da superficie forestal da comunidade

Superficie forestal na provincia de Ourense./ Foto: A.R.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira orde da Consellería do Medio Rural para impulsar a boa gobernanza nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), que destinará un importe de 1,5 millóns de euros a profesionalizar a súa xestión e a consolidar as propiedades que abranguen. Estes terreos ocupan máis de 660.000 hectáreas en Galicia que representan máis do 25% da superficie forestal da comunidade.

Esta orde de achegas bianual dirixida ás comunidades de montes veciñais inscritas no Rexistro de CMVMC subvencionará catro tipos de actuacións. “Primeiramente, impulsarase o apoio profesionalizado á xestión forestal, con axudas á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén se poderá sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra”, segundo Medio Rural.

O segundo grupo de actuacións inclúe achegas para a revisión dos esbozos que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. Canto ao terceiro e ao cuarto tipo de accións subvencionables, están relacionadas cos deslindamentos parciais entre CMVMC no primeiro caso, e cos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais e terreos de particulares no segundo, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades.

Respecto aos obxectivos da convocatoria, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para “contribuír á fixación de poboación no rural, así como a multifuncionalidade destes terreos e o desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal”. Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo o sistema PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, promocionar as frondosas autóctonas, xa que os montes con este tipo de árbores rexistradas ou en proceso de inscrición terán prioridade para acceder ás axudas.

As solicitudes de achega deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos nun prazo de trinta días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Propiedade privada de natureza xermánica

Os montes veciñais en man común constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente, en Galicia, de aí a importancia de apoiar o seu labor. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva, aínda que a distribución dos MVMC non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Mentres, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Con todo, no ano 2019, antes da pandemia do Covid-19, unha porcentaxe próxima ao 10% non dispoñía de estatutos vixentes e un 34% non tiña a xunta reitora actualizada. Existen tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos, estimándose que un 40,2% dos MVMC non estaban ao día no ano 2019 nesas prácticas de xestión, o que demostra a necesidade desta orde de axudas, segundo os datos aportados pola Xunta de Galicia.

A orde publicada no DOG pode consultarse no seguinte arquivo:
AnuncioG0426-250121-0001_gl

Artigos relacionados

Back to top button