Mañá, sábado 14 de xullo, o espazo Praia Fluvial de San Clodio (Ribas de Sil) celebra o seu sexto aniversario, e para festexalo ofrecerá unha promoción especial de viño dunha adega local pertencente á DO Ribeira Sacra coa presencia dun cocteleiro profesional.
Ademais, sortearanse numerosos agasallos entre os asistentes e como cada ano o broche final será un concerto. Nesta ocasión actuará o dúo Sabina & Cia, o conxunto tributo a Joaquín Sabina que chega por primeira vez a Ribas de Sil.
Moi habituais da zona de Vigo e a provincia de Pontevedra, David Resúa (guitarra e voz) e Lorenzo Boo (guitarra eléctrica e acústica) forman este grupo vigués cuxo espectáculo está baseado na representación da obra do compositor de Úbeda. “Esta banda tributo a Sabina leva rendendo homenaxe a ese ‘verso elaborado con arte’ ao longo e ancho da xeografía galega desde 2010 tocando en todo tipo de espazos: pequenos locais, salas de concertos, festas privadas, verbenas, auditorios…”, explican dende Hermanager Producións que por primeira vez traeos ata esta zona do sur de Lugo.
