CulturaCulturaEducaciónEntroido 2023Última hora

O engado ancestral do Fulión de Manzaneda, na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada

Unha mostra fotográfica desta festa, realizada por Carlos G. Hervella para o Concello de Manzaneda, poderá verse a partir do 16 de febreiro

Unha das imaxes da exposición sobre o Entroido de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O toque cadencioso e ancestral dos bombos, aixadas e cornas do fulión, a danza das Mázcaras, a fuliada, as visitas entre aldeas… O Entroido de Manzaneda, declarado Festa Galega de Interese Turístico, constitúe un rico entramado de rituais animados por un só espírito: a participación colectiva nunha celebración na que as rúas se converten nun escenario no que ninguén é espectador, que estreita as relacións entre os veciños do mesmo pobo e de aldeas veciñas, e abre un tempo novo que anuncia a primavera, as novas colleitas.

Este espírito ancestral  ten sido retratado ao longo de varias décadas polo fotógrafo Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL. Unha escolma dese traballo reuníase anos atrás na mostra “Entroido de Manzaneda”, pertencente ao Concello de Manzaneda, que agora vén de ser recuperada na exposición “O Fulión do Entroido de Manzaneda” da man do Departamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

O conxunto da mostra realizada por Carlos G. Hervella inclúe 32 fotografías a cor e achega algúns dos elementos máis significativos desta festa: dende os permisos e as rondas do fulión, o baile das Mázcaras (así como a singularidade da súa vestimenta e comportamento), as fuliadas, etc.

A xornada de inauguración da mostra, o 16 de febreiro ás 18:00h, correrá a cargo de Débora Álvarez do departamento de galego, quen realizará unha visita guiada e amosará aos asistentes o Entroido galego. Tras a presentación, e na biblioteca do centro, ofrecerase unha mostra dos doces propios deste tempo.

O aforo estará limitado e a reserva de entrada deberase facer ata o mércores 14 a través do correo electrónico seguinte: 24017503.gallego@educa.jcyl.es

Artigos relacionados

Back to top button