CulturaCulturaEn portadaEntroido 2024Última hora

O Entroido de Verín contará con máis de 150 horas de música en directo e unha completa programación para todas as idades

Esta tradicional festa conta este ano con dous importantes novidades organizativas que buscan mellorar tanto a seguridade e a experiencia de usuario

Presentación do programa do Entroido de Verín 2024.

 

Un total oito días repletos de festa e diversión con máis de 150 horas de música en directo e unha programación concibida para o desfrute de todos os públicos. Así se presenta o Entroido 2024 de Verín que era presentado esta mañá por parte do alcalde, Gerardo Seoane e a concelleira de Turismo, Cultura, Festexos e Conservatorio, Samanta Barreira.

Un total de cincuenta actuacións de música itinerante, dez orquestras e cinco disco móbiles marcarán o ritmo do entroido de Verín, que comeza o día 1 co xoves de compadres e termina o 13 de febreiro co martes de entroido. Así o confirmou Samanta Barreira quen destacou que este ano conta con dous importantes novidades organizativas que buscan mellorar tanto a seguridade como a experiencia de usuario.

Por un lado, o tradicional pregón do domingo de Corredoiro, xunto coa animación musical, trasladarase á Praza da Alameda. Segundo explicou Gerardo Seoane, “esta determinación ten como principal obxectivo mellorar a experiencia dos usuarios; tanto das persoas que acudan a desfrutar do día como dos propios cigarróns, permitindo que desfilen e corran pola Praza sen contratempos”. Nesta edición, ao igual que en anos anteriores, o pregón correra a cargo doutro dos nosos ilustres entroideiros, Toño Cesteiro.

Co compromiso de priorizar a seguridade dos asistentes, implementarase un cambio substancial no que aos escenarios das orquestras se refire, utilizado un só espazo por día para todas as agrupacións musicais. Esta decisión estratéxica ten como obxectivo optimizar as vías de evacuación. «O propósito principal é garantir un acceso efectivo e rápido dos diferentes vehículos de emerxencia, como ambulancias e bombeiros, en caso de calquera eventualidade», sinalou Samanta Barreira.

Anunciouse tamén que nesta edición poténciase a programación infantil axendada para o luns de entroido cunha tarde repleta de talleres temáticos, variados xogos populares e animación musical. «Este ano como novidade», explicou a concelleira de Festexos, “haberá obradoiros de elaboración de máscaras e de capuchóns, destinados aos máis pequenos da casa”.

 

Artigos relacionados

Back to top button