Agotados logo de tres días de competición pero satisfeitos co resultado e desexando repetir o ano que vén “máis e mellor”, remataban os organizadores do I Torneo Vila do Barco de Fútbol Sala que nesta fin de semana encheu o pavillón municipal de Calabagueiros de xogadores e moito público.
Dende o venres 5 de xullo ás 20 horas e ata este domingo día 7 preto das 20:30 horas (salvando cinco ou seis horas de madrugada), xogáronse sen descanso os diferentes partidos. “Todo saíu moi ben e salvo pequenos roces durante os encontros, que son de todo normais, non houbo ningún incidente”, asegura Adrián Ramos.

En total foron 16 equipos masculinos (máis os catro femininos do cuadragular desputado hoxe), a maioría do Barco de Valdeorras e distribuídos en catro grupos que se ían enfrontando entre si e eliminándose ata chegar á final disputada na tarde deste domingo 7 de xullo.
O gañador resultaba o equipo Lavandería El Camino que vencía ao CD Trives, subcampión. O terceiro clasificado era Tramación e o cuarto, Café Bar Hamburgo. O trofeo ao mellor xogador era para Óscar Santín e o de mllor porteiro para Francisco Palmeiro do Tramación.
Fotos: Mónica G. Bellver.