Excelentes resultados para o Pádel Club Valdeorras. Na pasada fin de semana disputábanse os play off dos equipos future, tanto masculino como feminino, da zona de León, Astorga, Bierzo e Valdeorras e ambos chegaban á final aínda que con sorte dispar, tal como indican dende o propio club.
O equipo masculino proclamábase campión da categoría future, conseguindo o ascenso á categoría 500 e praza para as interseries onde loitarán por unha praza no Máster Final a disputar en Madrid. “Partidos moi compartidos contra rivais moi duros onde os xogadores loitaron e deron a súa última hora de suor para conseguir alzarse campións”, aseguran orgullosos dende o club valdeorrés.
O equipo feminino pola súa banda, fixo “unha magnífica competición chegando á final da súa categoría, loitando ata o último partido por gañar ante unhas grandes rivais e veciñas de Ponferrada, as Avespas future ás que lle desexamos a mellor sorte nas interseries”, indican dende o Pádel Club Valdeorras, destacando o resultado do equipo de 500 que xa conseguira o ascenso directo como campión da categoría “gañándose a praza en interseries onde tamén disputará por unha praza para o Máster Final”.
Fotos cedidas