CulturaCulturaÚltima hora

O escultor Luis Fernández “Cochorro”, de Rubiá, entre os artistas fotografados en “Retrato dun tempo de plástica galega”

Trátase dunha exposición do fotógrafo Xulio Gil, que se poderá visitar na sede de Afundación de Vigo  ata o 11 de novembro

 

Nesta semana abríase ao público a exposición “Retrato dun tempo da plástica galega”, o novo proxecto da Xunta de Galicia e Afundación co que se rende homenaxe a un centenar de artistas galegos. Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, que se poderá visitar na rúa Policarpo Sanz de Vigo ata o 11 de novembro.

Nesta proposta inclúense retratos de persoeiros de referencia na arte galega, entre os que pode verse o do escultor valdeorrés Luis Fernández “Cochorro”, que vive e desenvolve a súa obra en Rubiá. Xunto a el, imaxe de Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Chelo Rodríguez, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Patiño, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Manuel Quintana Martelo, Ángeles Iglesias, Manolo Buciños ou Soledad Penalta.

A idea deste proxecto expositivo tivo o berce no ano 1988 co gallo da exposición “Antropolóxicas” promovida por Enrique Acuña e continuado posteriormente coas fotografías para a colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando imaxes a unha colección que foi xermolando no tempo cun elenco cada vez maior.

En concreto, a exposición componse dun cento de imaxes de gran formato, acompañado dun catálogo editado pola Xunta de Galicia.

O creador valdeorrés, acompañado da súa esposa, acudía ao acto inaugural desta mostra, celebrado o pasado 13 de setembro.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button