Con este contacontos de Animar-t, que comezará ás 11:30h., celebrarase o Día da Biblioteca
Cancións interpretadas en directo, monicreques, pompas de xabón… Son algúns dos ingredientes artísticos do espectáculo “Onde está o vento”, da compañía Animar-t. Esta peza de Xiada Sanlés e Miguel Strada, pensada especialmente para meniños de 0-3 anos, poderá verse o vindeiro sábado 20 de outubro ás 11:30h. na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco. Dese xeito esta instalación cultural celebrará o Día da Biblioteca, cuxa data oficial é a do 24 de outubro.
Este contacontos para bebés relata a historia de Tareixa unha nena á que lle encanta ver xirar os muíños de vento. Sen embargo, un día ese vento desaparece e embárcase nunha aventura, na compaña do seu curmán Breixo, para descubrir que sucedeu e tratar de recuperalo.