ConcellosEntroido 2022Galerías de fotosÚltima horaVídeosVilamartín

O esperado encontro de folións abre o Entroido en Vilamartín de Valdeorras

 

Dende A Rodeleira ata a praza José Luís Núñez. É o percorrido que na tarde deste sábado 19 de febreiro completaban os oito folións participantes no esperado encontro organizado por Os Viticultores de Vilamartín.

Como bo anfitrión, o folión local era o que abría o desfile en torno ás seis da tarde, marcando o ritmo polas rúas de Vilamartín de Valdeorras. De seguido tocáballe o turno ao folión O Irrio de Castro Caldelas, seguindo os Labregos de Trives, o Folión de Carracedo da Serra (A Gudiña), As Maceiras de Trives, Os Arrieiros de Petín, Lardeira de Piñeiro (Trives) e por último A Caniceira tamén de Trives.

 

Boteiro do Folión de Carracedo da Serra.

 

Como broche ao encontro, nos últimos anos antes da pandemia celebrábase a Festa das Sopas de Allo, cunha cea no pavillón municipal de Vilamartín, pero este ano por mor do protocolo de Sanidade non se pudo celebrar, rematando a xuntanza na praza cun bocadillo para cada participante.

 

Boteiro deo Folión As Maceiras de Trives.

 

Con este desfile ábrese o Entroido en Vilamartín, localidade valdeorresa que o vindeiro sábado 26 de febreiro recuperará o desfile de comparsas organizado polo Concello co mesmo percorrido, dende A Rodeleira ata a praza, onde haberá animación musical a cargo da discoteca móbil Danzalia.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button